Desatinos no rueiro

Eduardo Gutiérrez
Cronista Oficial de Ribadeo

Aproveitando que o Eo pasa pola Pontenova, ou sexa sen motivo causal aparente, voltamos a ocupar un anaco da plana cun asunto que no pasado recente, dou lugar a algún pronunciamento extravagante, cando non choqueiro, razón pola cal, daquela, houbo que sair á palestra, dito sexa remontándonos ao étimo do termo.

Os nomes das rúas, como calquer denominación da Terra, non deben ser obxecto de lixeiras brincadeiras. Con todo, o respeito que nos merecen as boas intencións, levounos a omitir un comentario, que tiñamos intención de tecer hai xa moito tempo, xusto até agora, xa que unha alma caritativa, e mesmo xenerosa, encirrounos para que nos ocupáramos deste aparentemente controvertido asunto, que non hai tal,

No ano 1996 un equipo de alumnos e profesores do centro de bacharelato de Ribadeo, levou a cabo un traballo de investigación sobre os nomes das rúas e, logo, douno ao prelo; e malia que hogano está fóra da circulación, ainda segue zanfoneando por aí, particularmente a través de Internet, e mais das adoito empachosas redes sociais. Non significa isto, que participemos da filosofía do “Index Librorum Prohibitorum”, pero cadramos conformes co exercicio dunha crítica rigorosa, vizosa e, por suposto, cordial e sosegada. No momento, a iniciativa tiña algo de xuvenil, ainda que con tutela docente, mais case sería máis pertinente falar de desamparo, no canto de auxilio, agora que para todos xa pasou a tenra mocidade cos seus arroutos e feitizos. Pero hai que engadir que nos imos limitar a un só caso, infelizmente mais decepcionante que exemplar, escolmado dun verdadeiro tropel de erros.

Ao falar do Grupo de Casas Baratas Francisco Iglesias, din que esa persoa foi un enxeñeiro militar e aviador, nado en Ferrol e protagonista de memorables fazañas aeronáuticas. Ocorre que na posguerra, construíronse en Ribadeo dous conxuntos das chamadas Casas Baratas, os grupos Francisco Iglesias e San Miguel. O segundo foi así rotulado pola proximidade á capela desa advocazón, e denominación moi perinente para aquel tempo pois que, xunto á referencia xeográfica, engadíase a apocaliptica e militar do arcanxo, que mesmo é o patrón da arma de infantaria.

O Francisco Iglesias que rotula o grupo de casas “ultrabaratas”, como chegan a denominalas as autoridades de aquel tempo, foi adoptado, segundo un acordo de 1946, a proposta do alcalde. O dedicatario foi un dos “caídos da Cruzada”, non o primeiro pero si dos iniciais, ainda que descoñcemos por qué motivo se postergou ao “protomartir” –Salvador García González–, enterrado no cemiterio municipal nun nicho que pertencia á familia Casas, daquela xa ausentes de Ribadeo. Nen enxeñeria, nen fazañas aeronáuticas, nen vencellos locais.

Hai máis fallos, pero do que se trataba era somente de facer unha cita, co fin de contribuir a esvaecer costumes como a preguiza intelectual, eiva incompatible en ámbitos coma o didáctico, e mesmo no divulgativo e propagandístico. “Qui scribit bis legit”, ou iso debera ser.

Os cemiterios municipais de Ribadeo

21/10/2016