O Arquivo Municipal de Ribadeo está constituído polos documentos que foron producidos ou recollidos polo Concello ao longo dos séculos. Son documentos de titularidade pública segundo a Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, que forman parte do patrimonio documental de Galicia.

É un arquivo público que ten como funcións primordiais recoller, custodiar, comunicar e difundir os documentos. Tratase dun fondo documental moi rico desde o punto de vista patrimonial, albergando documentación desde o ano 1537 ata a actualidade, o que dá unha mostra da relevancia histórica da vila de Ribadeo.

SERVIZOS

O acceso aos fondos e a información está aberto a todos os cidadáns, previa solicitude por escrito. O acceso está suxeito á normativa vixente que os afecte e o seu estado de conservación.

O Concello de Ribadeo proporciona orientación e asesoramento sobre a documentación que custodia a petición de cidadáns, estudantes, e investigadores; debendo ser realizadas por conta dos usuarios as tarefas de elaboración de datos e procuras de información. Existe un servizo de solicitude de cita previa para usuarios que se despracen de fóra de Ribadeo. Para acceder a este servizo é imprescindible remitir a solicitude cuberta ao enderezo electrónico ribadeo@ribadeo.org xunto coa data solicitada. A data definitiva será confirmada polo Concello en todo caso. Non se atenderá ningunha solicitude de consulta sen solicitude previa.

A reprodución de documentos está suxeita ao pago das taxas establecidas nas ordenanzas fiscais.

Qué é un Arquivo?

Arquivo Municipal de RibadeoA Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, define aos arquivos como un ou varios conxuntos orgánicos de documentos producidos, reunidos ou conservados polas persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, no exercicio das súas funcións e actividades, con finalidades de xestión administrativa, proba dos dereitos e deberes da Administración e da cidadanía, investigación ou acceso á información e á cultura.

Tradicionalmente o seu cometido era o de garantir o correcto funcionamento das institucións, eran centros de custodia da documentación que necesitaban conservar para o exercicio da súa actividade por ser proba de dereitos e obrigas. Pero rápidamente os documentos adquiriron unha nova dimensión: ser testemuñas de acontecementos pasados. Asegurar a conservación desa memoria colectiva como fonte de información primaria para a investigación científica, para coñecer o que foi, o como e o porque, pasou a ser o obxectivo dos arquivos.

A preservación do patrimonio documental, do que forma parte calquera documento textual, gráfico, imaxe, rexistro sonoro, audiovisual ou ficheiro codificado que sexa testemuña das funcións ou actividade de persoas ou institucións, é o seu cometido hoxe en día.

Os arquivos son máis que meros servizos de depósito de patrimonio cultural para a sociedade. Non so custodian; administran, conservan e interactúan. Valéndose da aplicación das TIC buscan dar un servizo á sociedade máis alá do acceso aos fondos que albergan, son centros dinámicos, lugares para DESCUBRIR.

Historia do Arquivo de Ribadeo

Eduardo Gutiérrez – Cronista Oficial de Ribadeo
A historia e vicisitudes do Arquivo Municipal de Ribadeo, están vencelladas aos propios acontecementos que a conforman e, sobranceiramente, aos lugares físicos que ocupou. Así pois, aparte das doenzas seculares, como a humidade, por non falar de enchoupamento, os parasitos e particularmente a couza, ademais compre citar os danos sufridos por apropiación indebida, ou por furtos, no sentido no que recolle o delito o Código Penal, porque non temos noticia de que as subtraccións se produciran con violencia. Nas palabras pronunciadas con ocasión da toma de posesión como Cronista Oficial, tivemos ocasión de citar algún caso, como exemplo de desaparicións, aínda que hai moitos máis.

O Arquivo situouse no faiado do Pazo Municipal a partir de 1945, procedente da anterior Casa Consistorial, situada na Praza de Abaixo. Ocorreu que en 1981, o antigo pazo de Ibáñez foi totalmente baleirado e reconstruído, conservando as paredes exteriores, unha intervención, por certo, de dubidosa pertinencia, nalgúns aspectos. Naquel intervalo os fondos pasaron aos baixos do edificio dos irmáns Moreno, con transporte, de ida e volta, en precarias condicións. O soto da Torre dos Moreno, era moi húmido, unha verdadeira constante na riola de locais que foi ocupando o Arquivo porque a sé municipal da Praza de Abaixo, tamén o é. Ao regreso, foi amoreado de calquera xeito e até 1991 non se luciron as paredes, destas estancias. Daquela, aproveitouse unha oferta da administración para contratar unha especialista en arquivística, cuxo convenio prorrogou o Concello a súa conta. Foi a primeira vez que mans profesionais procederon a unha inicial ordenación e catalogación dos fondos.

Méndez San Julián ten aludido ao costume de algúns secretarios de levar para o seu domicilio as actas consistoriais, e tamén á desaparición dos libros anteriores a 1536, que é a primeira que se conserva, xa que o libro becerro vello perdeuse ou esvaeceuse, aínda que non se poida atribuír o suceso nin á maxia, nin ao xogo das agachadas. Sen pensar en explicacións doadas –Nihil sub sole novum–, ou sexa alén da ruindade, algo debeu influír en tales hábitos, a precariedade dos locais municipais. Téñase en conta que até 1568 non se acordou edificar unha casa ad hoc na Praza de Abaixo, que sería modificada e mellorada ao remate do século XVIII. Pero antes, as casas consistoriais eran apenas un eufemismo referido a un inmoble ubicado en Porcillán, tan estragado en 1618 que houbo que contratar o seu arranxo co canteiro Diego Pico de Coaña, aínda que uns corenta anos despois volveu caer en ruína.

Pero non só foron a couza, a humidade ou os ladróns e caloteiros os únicos axentes nocivos, senón tamén as actuacións políticas. En 1824, por orde superior, enviáronse ao Intendente de Policía os libros de actas do período constitucional, dos anos 1820, 1821, 1822 e parte de 1823. Fixéronse xestións, pero nunca volveron.

Os Obradoiros Ribadeo no tempo 2, Doc-Tic, Doc-Tic II e Doc-Tic III procederon a unha recatalogación, descrición e dixitalización parcial, para facilitar o acceso sen ter que acceder directamente aos fondos, o que vai beneficiar tanto aos investigadores e estudosos, como á propia cerna documental, que deixará de estar sometida ao albor de algúns desaprehensivos.