Unha nota ocasional: Sargadelos e Ribadeo

Eduardo Gutiérrez

Cronista Oficial de Ribadeo

Palabras pronunciadas no acto de presentación das novas figuras sobre o Ribadeo Indiano, que tivo lugar o sábado día 10 de xuño de 2017, na tenda da marca en Ribadeo

Suxirenme que fale da relación de Ribadeo con Sargadelos e supoño que se refiren á histórica, ainda que a actual é, tamén, moi intensa e aparte do que hoxe se presenta aquí, non hai mais que reparar nas placas que rotulan as rúas. O vencello é desde logo moi longo, pero esta intervención ten que ser moi breve. Sentida, iso si, pola miña relación con xentes e iniciativas que teñen que ver con Sargadelos.

A arte non é a miña especialidade e, por iso, vou tracexar unhas pinceladas, apenas uns poucos riscos xerais. Comecemos polo fundador de Sargadelos. Antonio Raimundo Ibáñez non naceu aquí, pero durante nada menos que 42 anos foi veciño da nosa vila, e ocupou cargos municipais, ou sexa deputado do común. Aquí construiu a súa casa, aquí casou cunha ribadense e aquí naceron os seus nove fillos. Certo que morreu en Ribadeo, dado que subliñan moitos tratadistas e moitos máis entusiastas das miradas de esguello. Foi asesinado cando fuxia, e ainda que se especula con ducias de teorías conspiratorias, non podemos dar novas inéditas nesta materia. Alguén dixo que morreu por moderno, e algo diso hai se repasamos pola tona no tempo que lle tocou vivir e o contraste entre a actividade comercial co estranxeiro, as fundicións de ferro e a cerámica,  coa cerrazón da pequena fidalguía rural e a cregaxe, todos paladins de direitos e costumes de todo tipo: foros, diezmos, oblatas e miragres varios. O creador de Sargadelos foi un home afoutado, acostumado ao risco e mesmo afeito a revoltas e tumultos. Debeu fuxir antes, tal e como fixeron outros que grazas a agacharse libraron, e iso que andiveron na súa procura, como foi o caso de Francisco María Amor

Nesta curta ollada, anotemos que na primeira etapa da fábrica de lousa ou sexa no primeiro terzo do século XIX  unha das marcas identificadoras sinala Rivadeo e adosada ao topónimo, unha pomba. Durante tempo había dúbidas sobre a pertenza da marca, pero hoxe a tendencia é considerala como propia do Sargadelos da primeira época. Por certo cando no terceiro período se traspasou a fábrica a Luis de la Riva e compañía de Santiago, entre os aspirantes a facerse coa razón social figuraba o banqueiro e arnador Casas, que mercaria o fermoso pazo urbano de Ibáñez en Ribadeo, e cuxos descendentes remataron protagonizando en 1934, outro dos acontecimentos que tamén marcan o imaxinario popular, vencellado á mansión, como un argumento para cartel de cego.

En fin, gostarianos que nunha das etapas aparecese a virxe de Vilaselán, ou outras advocazóns e motivos locais, pero entre as pequenas pilas de auga bendita, da terceira etapa, figura a dos Remedios de Mondoñedo., e nenguha ribadense como a xa citada ou a das Virtudes da Ponte, por citar un par de exemplos.

O caso é que Ribadeo conserva a memoria de Ibáñez, e ainda pode contemplar hoxe a historia, debruzándose nos balcóns de ferro fundido en Sargadelos, como é o do pazo municipal actual ou do anterior, na praza de Abaixo.

Os cemiterios municipais de Ribadeo

21/10/2016

Licenza de apertura concedida a Manuela Barreiro Pico

21/10/2016