Os cemiterios municipais de Ribadeo

Eduardo Gutiérrez

Cronista Oficial de Ribadeo

O Cemiterio Municipal de Ribadeo é inaugurado no ano 1932 e trátase dunha doazón dos irmáns Moreno Ulloa, que tamén sufragaron a estrada de acceso ao mesmo. Veu substituir ao vello, ubicado no lugar que hoxe ocupa o Parador de Turismo. A el refírese o Diccionario de Madoz asegurando que conta cunha capela, “es muy capaz y tiene buena ventilación”. Fora construído nos primeiros anos trinta do século XIX e perdurou uns cen anos, até a inauguración do novo. Clausurado, e decretada a monda, e ainda que se deron reiteradas instrucións para o traslado ao novo camposanto, as operacións dilatáronse durante tempo, nalgún caso até que xa era perentorio o derrubamento. En 1837, un retablo e mais un Cristo orixinais da vella igrexa parroquial, van parar á súa capela, ademais dun esquilón procedente da de San Lázaro. Próxima ao antigo pórtico da igrexa conventual de San Francisco, existiron unhas cruces de pedra, segundo un historiador local instaladas pola Venerable Orde Terceira, mais para outro cronista restos duns enterramentos, posto que algúns dos planos conservados, recollen a existencia de varias cruces, pero sen indicación de outra caste Ambos e dous  escritores afirman que desapareceron en 1876, pero non dispomos de soporte documental, e  ainda que a controversia sexa algo trivial, coidamos que se trata de simples lembranzas da VOT.

O novo camposanto, non conta con grandes panteóns nen destacados monumentos funerarios, pero como todos acolle unha parte da historia local, ademais das lembranzas de centos de persoas. De todos os xeitos o seu porte, amplo e moderno e a normativa, que impón unha certa homoxeneidade, crian un espazo sobrio e ben identificado. O proxecto, de 1912, é obra do sonado arquitecto asturiano Manuel del Busto (1874-1948), autor de emblemáticos deseños, como por exemplo o soberbo edificio do Centro Asturiano de La Habana, ou o Teatro Palacio Valdés, de Avilés. As obras contratáronse en 1922. A capela, situada  no ponto máis elevado do recinto, conta cun Cristo tallado en mármore, obra do premiado e recoñecido escultor Coullaut Valera, por certo sobriño do escritor Juan Valera.

O emprazamento é singular, e dunha notable beleza e o mesmo acontece coa estrada que conduce até o lugar. Resta algunha información a fornecer no propio recinto, que debe cinxirse ás persoalidades aquí soterradas, ainda que sexa este un asunto polémico, razón pola cal a relación debe ser limitada a mui escasos nomes, ainda que esta restricción  non debe tomarse como mesquindade ou cobiza, senón sinxelamente como unha mostra de tacto e prudencia para evitar rifas, liortas e tirapuxas. Coidamos que se está traballando nesa dirección.

O Cemiterio é tamén a memoria da vila e, neste sentido debe subliñar as biografías e a lembranza de aquelas persoas que destacaron en aspectos que nos representan a todos como colectividade. E, por iso, debe comporse un listado aberto, sen dogmatismos nen apriorismos.

Desatinos no rueiro

21/10/2016

Unha nota ocasional: Sargadelos e Ribadeo

21/10/2016