QUE É UN ARQUIVO?

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, define aos arquivos como un ou varios conxuntos orgánicos de documentos producidos, reunidos ou conservados polas persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, no exercicio das súas funcións e actividades, con finalidades de xestión administrativa, proba dos dereitos e deberes da Administración e da cidadanía, investigación ou acceso á información e á cultura.


Tamén se denomina arquivo a institución especializada onde se reúnen, se custodian e se serven os fondos documentais, por medios e técnicas que lle son propias, para o cumprimento dos fins citados.


Por todo, os arquivos serviron tradicionalmente para garantir o correcto funcionamento das institucións, eran centros de custodia da documentación que necesitaban conservar para o exercicio da súa actividade por ser proba de dereitos e obrigas. Pero rápidamente os documentos adquiriron unha nova dimensión: ser testemuñas de acontecementos pasados. Pasaron a ser unha fonte de información primaria para a investigación científica, para coñecer o que foi, o como e o porque. E nos arquivos predominou a finalidade de asegurar a conservación desa memoria colectiva.


Hoxe os arquivos son máis que meros servizos de depósito de patrimonio cultural para a sociedade. Non so custodian; administran, conservan e interactúan. Valéndose da aplicación das TIC buscan dar un servizo á sociedade máis alá do acceso aos fondos que albergan, son centros dinámicos, lugares para descubrir.

ACCESO A FONDOS DOCUMENTALES